Saltar para: Posts [1], Pesquisa [2]

mundoEurovision

EUROVISIÓN, TAMÉN EN GALEGO! @mundoeurovision

mundoEurovision

EUROVISIÓN, TAMÉN EN GALEGO! @mundoeurovision

O Goberno ucraniano cancela por cuarta vez o anunciamento da cidade sede de Eurovisión

O Consello de Ministros do goberno ucraniano anunciou hai tan só uns minutos que a rolda de prensa na que ía ser anunciada a cidade sede de Eurovisión 2017 queda cancelada sen informar dos motivos desta cancelación.

 

A rolda de prensa, esperada polos medios tras ser posposta anteriormente en tres ocasións, estaba prevista para as dúas da tarde de hoxe, un acontecemento que desta maneira queda posposto e sen que o goberno nin a televisión pública do país anuncien unha data definitiva para a revelación da cidade.

 

Esta situación está xa a suscitar as críticas entre os eurofans e os usuarios das redes sociais, que chegan a afirmar que a este paso "será outro país o que acolla o Festival". O alcalde de Dnipro, unha das tres cidades finalistas criticou o ocorrido e tachou a situación de "vergonzosa".

 

Esta non é a única polémica que rodea a revelación da cidade sede, senón que a esta tamén se suma o feito de que finalmente fosen tres as cidades finalistas cando nun primeiro momento ían ser dúas, entre outras.

 

 

 

Chipre únese tamén á lista de participantes de Eurovisión 2017

A televisión pública de Chipre (PiK) confirmou hoxe que estará presente na vindeira edición do Festival de Eurovisión. O anuncio ven logo de que o ente confirmase tamén que fará acto de presenza na edición 'junior' do evento. 

 

O país obtivo en Estocolmo o posto número 21 tras ser representado pola banda de rock Minus One e a súa canción "Alter Ego" que malia partiren como favoritos nas apostas, non obtiveron o resultado esperado.