Saltar para: Posts [1], Pesquisa [2]

mundoEurovision

EUROVISIÓN, TAMÉN EN GALEGO! @mundoeurovision

mundoEurovision

EUROVISIÓN, TAMÉN EN GALEGO! @mundoeurovision

A televisión de Romanía presenta os documentos necesarios para participar en Eurovisión 2017

Nunha entrevista ao xornal romanés "Evro.ro", Irina Radu, presidenta da televisión pública romanesa (TVR) confirmou que o ente público presentou á UER a documentación necesaria para participar no vindeiro Festival de Eurovisión, pero que dispoñen ata o 10 de outubro para retirarse do concurso se surxen problemas que impidan a participación e facelo así sen recibir penalización. 

 

Irina Radu atópase agora inmersa na renovación da canle pública romanesa, que atravesa por graves problemas financieiros e por unha caída de audiencia histórica tras varios anos sen recibir apenas diñeiro da administración pública do país. O goberno foi o que decidiu ademais non aportar á TVR os 13 millóns de euros de débeda que o ente tiña contraída coa UER, e que provocou a súa descalificación da pasada edición do festival europeo. A agora presidenta da TVR asegurou que está a traballar co organismo de radiodifusión europeo para "revitalizar" a cadea pública romanesa.

 

Radu non engadiu máis detalles sobre a confirmación da súa participación no evento, nin tampouco como elixirán ao seu representante.

 

Resultado de imagen de tvr romania

Imaxe: Wiwibloggs

 

 

31 países confirmados; varios entre o sí e o non e tres ausencias confirmadas para Kiev 2017

O pasado xoves, 15 de setembro finalizaba o prazo para preinscribirse no Festival de Eurovisión do vindeiro ano, un festival que a día de hoxe conta con trinta e dous países que confirmaron a súa participación. Entre eles, Italia, a República Checa e Croacia, cuxa televisión pública confirmou a súa asistencia ao certame hoxe mesmo.

 

Dende este momento ábrese un prazo ata o vindeiro mes de outubro, para que os países confirmen a súa participación ou se retiren, sen obter unha penalización.

 

A día de hoxe, 31 países confirmaron a súa participación no festival, mentres que outros aínda non anunciaron a súa decisión. Nesta situación atopanse países coma Rusia, Xeorxia ou Acerbaixán que aínda non anunciaron se viaxarán a Kiev; tampouco Moldavia, ARI Macedonia, Montenegro, Bulgaria, Serbia, Romanía ou Eslovaquia, que podería volver ao certame.

 

Noutra situación encontrase Bosnia e Hercegovina. A televisión pública do país ve "complicada" a participación en Ucraína debido as complicacións financieiras que atravesa o ente público, ao cal non chega a financiación do Estado chegando ao punto de que poderían deixar de emitir regularmente.

 

Por outra banda, cabe analizar a posición de Australia, que segundo o que se especula participaría de novo no evento, e a de Cazaquistán, país do cal a súa televisión pública pasou este ano a ser membro asociado da UER.

 

Nos países que xa mostraron a súa negativa ao evento atopanse Mónaco, Andorra e Luxemburgo, mentres que San Marino aínda non confirmou as súas intencións tras anunciar que emprendería accións xudiciais contra a UER e a SVT por non lles permitir empregar os hologramas elixidos na súa actuación en Estocolmo este ano.

 

OPINIÓN: Ideas para cambiar a visión do Festival en España, dirixidas a RTVE

É sabido que a situación que atravesa Radio Televisión Española non é a mellor da súa historia (baixada de audiencia, perda de confianza, escándalos na directiva...) mais penso que en RTVE os grandes profesionais que alí traballan son capaces de facer grandes cousas, como xa se puido observar con acontecementos de calado internacional ou con producións de prestixio.

 

Sen embargo, co relativo ao Festival de Eurovisión algo falla. E para nós é a planificación. O primeiro paso que debería dar RTVE debe ser o de crear unha final nacional para elixir ao representante, que sexa moderna, atractiva para todos aqueles que se vaian presentar a ela, e atractiva tamén para os espectadores. Non creo que sexa necesario un formato que dure un mes, pero sí un no que haxa cabida para todos: os artistas consagrados, os xóvenes talentos, aqueles que o intentaron unha vez e que o queren volver intentar, en definitiva, aqueles que queiran mostrar as súas cualidades, os seus erros, e os seus soños. En TVE vimos a representantes elixidos de maneira interna, galas que superaron por pouco o millón de espectadores, polémicas... Pero todo o mundo pode equivocarse. Todo o mundo, e tamén Federico Llano ou quen tome as decisións, ten dereito a confundirse. E as cousas poden cambiar. Eu confío en, que antes ou despois, as cousas cambiarán para mellor. Eu confío en todo o equipo de RTVE.

 

Por esta confianza e porque gustaríame que as cousas fosen mellor no que é o meu evento favorito, o que me fai soñar, sorrir, emocionarme... ,para España, gustaríame propoñer algunhas ideas que pode que sirvan de algo.

 

  1. Unha final nacional atractiva con artistas consagrados, xovenes, nos que o principal obxectivo sexa a búsqueda de talento.
  2. Unha promoción activa do Festival de Eurovisión, cun programa especial diario dende que a delegación española chegue ao país. Un programa que sexa entretido e, ao mesmo tempo, cultural.
  3. Que non volvamos ver no fondo do "Telediario" un logo inventado do festival e que se coñezan os pasos a seguir do representante de cara ao Festival.
  4. Promover o Festival activamente durante todo o ano.
  5. Atraer a aquelas persoas que xa se rendiron ao ver os resultados no evento.
  6. Mostrar o Festival como un evento moderno, útil, e atractivo. Para todos os públicos
  7. Facer ver a importancia de que España participe nun evento destas características.

Algunha idea máis? Todas serán benvidas.

Resultado de imagen de EUROVISION 2017

RTVE confirma oficialmente a participación de España en Eurovisión 2017

Federico Llano e Ana Bordas, membros da delegación española de RTVE para o Festival de Eurovisión viaxaron onte a Ginebra para facer oficial a participación de España na 62ª edición do evento, que terá lugar en Kiev. Na cidade suíza, reuníronse co Supervisor Executivo do Festival, Jon Ola Sand, ao que lle fixeron entrega da solicitude de participación no concurso, no cal o ente público leva participando de forma ininterrompida dende o ano 1961, cando Conchita Bautista viaxou a Cannes coa mítica canción "Estando contigo".

 

Nos últimos anos, España non acumula grandes logros en canto ao Festival se refire. Nas últimas oito edicións, dende 2008, o país só acumula dous décimos postos (Pastora Soler en 2012, e Ruth Lorenzo en 2014) mentres que en cinco ocasións quedou por debaixo do posto 20 da clasificación. Estes datos, nada prometedores, fixeron saltar as críticas á delegación española nos últimos anos por parte dos medios e a comunidade eurofan en xeral. A non existencia dun método de selección do representante sólido, as postas en escena "anticuadas" ou a pouca promoción dos artistas foron algúns dos argumentos que se expuxeron trala última edición do festival para pedir un cambio na delegación de RTVE, un cambio que aínda non chegou e que moitos agardan. 

 

O Festival de Eurovisión 2017 poderá ser seguido así en RTVE no vindeiro mes de maio, e previsiblemente non será ata o mes de xaneiro ou febreiro cando se coñeza o representante español en Kiev, para cuxo método de selección aínda non se anunciaron plans por parte do ente público.

 

Ana Mª. Bordas y Federico Llano (RTVE) entregan a Jon Ola Sand (UER) la solicitud de participación para Eurovisión 2017

Imaxe: TVE

KIEV SERÁ A SEDE DE EUROVISIÓN EN 2017

Kiev albergará a 62 edición do Festival de Eurovisión. Así o anunciou hai tan só uns minutos o Comité Organizador do Festival, que engadiu tamén que o International Exhibition Centre, con capacidade para entre 12.000 e 14.000 persoas será o recinto que acolla as semifinais e a grande final do evento. Os membros do comité afirmaron que a elección de Kiev foi posible grazas a 19 votos a favor, 2 en contra e unha abstención.

 

Será a segunda vez que a capital ucraniana acolla o Festival, sendo en 2005 cando xa acollera o evento. O anuncio de hoxe producese logo da forte polémica que envolveu o proceso de selección da sede, con varios aplazamentos do anuncio da sede e mesmo cun presunto ultimátum da UER. 

Resultado de imagen de KIEV